Historia da Biblioteca
Retrato de Pedro Antonio Sánchez Vaamonde fundador da Biblioteca
Aprobación Real da fundación Biblioteca en 1803 (Libro III de Acordos do Consulado)
Coa Real Cédula do 29 de novembro de 1785 comeza a súa actividade o Real Consulado Marítimo e Terrestre da cidade da Coruña, e en 1803 entra en funcionamento, promovida polo brillante economista e ilustrado D. Pedro Antonio Sánchez, a Biblioteca do Consulado, que non será inagurada oficialmente ata o 15 de agosto de 1806.
Ao longo da súa historia cumpriu con eficacia os seus obxectivos fundacionais, e coa súa propia historia foi creando de forma natural unha importante documentación de vital importancia para o coñecemento da cidade que a acolle.
Actas do Consulado, Libros da Xunta de Comercio, Libros de asento das escolas de Náutica e Debuxo e libros de contas da Reforma da Torre de Hércules de Giannini ordenada por Carlos III en 1788, permiten reconstruír fidedignamente o pasado da urbe.
Os preto de 30.000 volumes con que conta na actualidade proceden dos fondos fundacionais do propio Consulado, e as doazóns do Fundador, D. Pedro Antonio Sánchez Vaamonde , así como os procedentes das bibliotecas de D. José Lucas Labrada, D. Ramón da Sagra, Marqués de Miraflores, D José da Torre, D. José Cornide e D. Anxo Estévanez nos momentos iniciais, máis a achega das doazóns de ilustres coruñeses como D. Nicolás Fernández Bolaño, Dna. Xoana de Vega, D. Eduardo Pondal, o Doutor D. Desiderio Varela Puga, a Sociedade Económica de Santiago; en 2005 Dna. Doures Rivas Troiteiro e D. Xoan Costa entregan unha serie de protocolos notariais do Pazo de Rozas dos s. XVII e XVIII; en 2013 recibe parte da biblioteca de D. Javier Rodríguez Moret, e en 2015 de D. Demetrio Díaz Sánchez, entre outros. Ademais, a Biblioteca custodia a maioría dos libros de D. José Cornide recibidos da súa viúva, non como doazón, senón para saldar unha débeda que o ilustrado tiña co Consulado de Mar e Terra, pois o ilustrado faleceu sen poder completar uns traballos xa cobrados. A iso súmanse as adquisicións ininterrompidas ata o momento, realizadas, en parte, coa renda do capital inicial, en parte coa colaboración das institucións galegas e especialmente co importante legado económico de Dna. María Concepción Sánchez Varela, da familia do Fundador e falecida en 1964.
Edificio do Real Consulado
En 1803 o fundador da Biblioteca, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, manifestou ao Real Consulado, o seu desexo de crear ás súas expensas, unha biblioteca pública na Casa do Real Consulado da Coruña, para fomentar a lectura e o interese pola cultura. Exposta esta iniciativa na Xunta de Goberno do 29 de abril de 1803, acéptase por unanimidade e acórdase concederlle locais suficientes e adecuados para o seu funcionamento conforme ao desexo expresado por D.Pedro Antonio Sánchez Vaamonde.
Desde a fundación da Biblioteca, a súa sede está no edificio do Real Consulado Marítimo e Terrestre da cidade da Coruña. Representativo do estilo neoclásico coruñés: fachada de sillería de pedra almofada na planta baixa. Na primeira os balcóns con balaustrada corrida de ferro forxado, con frontispicios lineais de orixe clásica. No interior ten un excelente patio cadrado de raíces gaditanas, en orixe ía ser vivenda dun burgués gaditano.